A acción de prospección comercial en Paraguai finaliza con reunións na CNCSP ou REDIEX e visitas privadas

A actividade de prospección comercial que mantén a un grupo de empresas do sector agroalimentario e auxiliares na República de Paraguai esta semana pecharase entre hoxe e mañá tras as últimas reunións institucionais, mantidas con representantes da Cámara Nacional de Comercio e Servizos en Paraguai (CNCSP) ou REDIEX (Rede de Investimentos e Exportacións), un organismo dependente do Ministerio de Industria e Comercio (MIC) de Paraguai, e visitas privadas a explotacións gandeiras e encontros bilaterais con empresas no país.

Na CNCSP foron recibidos, entre outros, polo seu xerente xeral, Paula Carro, e outros representantes da directiva da Cámara. Fundada en 1898, esta é a principal organización empresarial do sector terciario en Paraguai. Ofrece apoio a investimentos, capacitacións e administra o Centro de Arbitraxe e Mediación de Paraguai. No encontro, os representantes lucenses recibiron información sobre os servizos desta Cámara e fortalezas do país, e tiveron tamén a oportunidade de explicar a fortaleza do sector agroalimentario lucense ou a súa capacidade de innovación, o que permite xerar servizos extrapolables ao territorio paraguaio.

Pola súa banda, en REDIEX mantiveron un encontro de carácter máis técnico, con diferentes colaboradores deste organismo como Jimmy Kim, especialista en exportacións; Aramí Arza, xefa do servizo de Post-investimentos ou Marisol Muñoz, xefa do servizo de Desenvolvemento Empresarial, que ofreceron á lucenses información e guías de investimento en Paraguai, á vez que escoitaron con atención as propostas das empresas lucenses, en especial as relacionadas con novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito rural.

A axenda dos dous últimos días no país finalizou con visitas personalizadas a leiras e explotacións gandeiras de interese para as empresas da actividade de prospección, así como encontros bilaterais con empresas paraguaias xerados a partir das reunións institucionais previas.

Ademais, o grupo foi invitado, para 2027, a asistir a diferentes eventos comerciais de carácter nacional no país e de interese para expansión do negocio das empresas lucenses, como a Feira Empresarial do Paraguai (FEPY) ou EXPO Paraguai (denominada “a Rural”) e que adoita celebrarse cara ao mes de xullo.

A semana próxima, o grupo trasladarase ao Brasil para iniciar neste país unha nova axenda de traballo.