A acción de prospección comercial en Paraguai finaliza con reunións na CNCSP ou REDIEX e visitas privadas

A actividade de prospección comercial que mantén a un grupo de empresas do sector agroalimentario e auxiliares na República de Paraguai esta semana pecharase entre hoxe e mañá tras as últimas reunións institucionais, mantidas con representantes da Cámara Nacional de Comercio e Servizos en Paraguai (CNCSP), a Unión Industrial Paraguaia ou REDIEX (Rede de Investimentos e Exportacións), un organismo dependente do Ministerio de Industria e Comercio (MIC) de Paraguai, e visitas privadas a explotacións gandeiras e encontros bilaterais con empresas no país.

Na CNCSP foron recibidos, entre outros, polo seu xerente xeral, Paula Carro, e outros representantes da directiva da Cámara. Fundada en 1898, esta é a principal organización empresarial do sector terciario en Paraguai. Ofrece apoio a investimentos, capacitacións e administra o Centro de Arbitraxe e Mediación de Paraguai. No encontro, os representantes lucenses recibiron información sobre os servizos desta Cámara e fortalezas do país, e tiveron tamén a oportunidade de explicar a fortaleza do sector agroalimentario lucense ou a súa capacidade de innovación, o que permite xerar servizos extrapolables ao territorio paraguaio.

O encontro en la UIP estivo encabezado polo seu presidente, Enrique Duarte. Comentaron as condicións do mercado local, alén de posibilidades de expansión cara a outros países da rexión desde o propio Paraguai.

Pola súa banda, en REDIEX mantiveron un encontro de carácter máis técnico, con diferentes colaboradores deste organismo como Jimmy Kim, especialista en exportacións; Aramí Arza, xefa do servizo de Post-investimentos ou Marisol Muñoz, xefa do servizo de Desenvolvemento Empresarial, que ofreceron á lucenses información e guías de investimento en Paraguai, á vez que escoitaron con atención as propostas das empresas lucenses, en especial as relacionadas con novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito rural.

A axenda dos dous últimos días no país finalizou con visitas personalizadas a leiras e explotacións gandeiras de interese para as empresas da actividade de prospección, así como encontros bilaterais con empresas paraguaias xerados a partir das reunións institucionais previas.

Ademais, o grupo foi invitado, para 2027, a asistir a diferentes eventos comerciais de carácter nacional no país e de interese para expansión do negocio das empresas lucenses, como a Feira Empresarial do Paraguai (FEPY) ou EXPO Paraguai (denominada “a Rural”) e que adoita celebrarse cara ao mes de xullo.

A semana próxima, o grupo trasladarase ao Brasil para iniciar neste país unha nova axenda de traballo.