A Deputación de Lugo e a Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) veñen de poñer en marcha a iniciativa “Lugo, valor agroalimentario”, orientada a “reforzar a empregabilidade, impulsar novas oportunidades profesionais e favorecer a fixación de poboación no medio rural” da provincia de Lugo.
Esta iniciativa formalízase vía acordo de colaboración entre ambas as entidades, que se asinou esta semana entre a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, e o director xeneral de FAGA, Jaime López.
Ambas as institucións destacan que “o proxecto parte da necesidade de apoiar as empresas, persoas emprendedoras e profesionais do sector agroalimentario na adaptación aos novos retos produtivos, tecnolóxicos e comerciais, favorecendo a creación de emprego estable e cualificado, a consolidación dos postos de traballo existentes e a incorporación de novas persoas ao mercado laboral agroalimentario”.
É por ese motivo que todas as actuacións previstas no proxecto, de carácter bianual, “perseguen un obxectivo común: fortalecer as condicións que permiten ás empresas manter a súa actividade, ampliar a súa capacidade de contratación e xerar novas oportunidades laborais, especialmente no medio rural, contribuíndo á remuda xeracional, á atracción de talento e á redución do risco de despoboamento”.
Con este obxectivo, FAGA desenvolverá diferentes actividades durante os exercicios 2026 e 2027, divididas en dúas liñas de actuación moi marcadas, unha sobre “internacionalización como instrumento para a creación de emprego”, en virtude da cal se desenvolverán accións de prospección comercial aos mercados latinoamericano e asiático, e outra para o “fomento do emprego, o emprendemento e a capacitación do sector agroalimentario”, que implicará a posta en marcha de dous programas intensivos especializados orientados á identificación, acompañamento e aceleración de proxectos emprendedores e iniciativas innovadoras vinculadas á cadea de valor agroalimentaria e do sector lácteo.
.




