Un grupo de empresarios da provincia de Lugo atópase estes días en Paraguai no marco da iniciativa “Lugo, valor agroalimentario”, posta en marcha pola Fundación Agroalimentaria de Galicia (FAGA) co apoio da Deputación de Lugo.
Concretamente, están a participar nunha acción de prospección comercial que iniciou a súa axenda no día de onte recentemente aterrados na capital do país, Asunción, coa visita á Cámara de Alimentos e Bebidas de Paraguai (CABE), unha organización que representa a multinacionais do sector de alimentación e na que foron recibidos pola súa directora executiva, Bernardita Gómez.
A esta primeira reunión no país considerado o “corazón de Sudamérica” asistiron o presidente de FAGA e representante de empresas como Suministros Megaro Foods S.L., Carlos Cebrián Escobar, así como o presidente da Cámara de Comercio de Lugo e secretario xeral da CEL, Jaime López, e representantes de empresas como o Grupo Xabi Paz (que agrupa explotación gandeira e establecementos de restauración) así como empresas de servizos auxiliares ao sector agroalimentario como Innogando (tecnoloxía) e Medrar Innovation Office (consultoría).
Pola súa banda, entre as entidades ás que representa CABE atópase Nestlé ou Tetrapack, con presenza tamén en España, o que permite xerar sinerxías de forma doado. Igualmente, CABE mantén unha rede de contactos naturais con grupos de empresas familiares de gran implantación no país, o que facilita o establecemento rápido de contactos e o intercambio de coñecementos e experiencias. Nesta liña, o grupo lucense visitou tamén neste primeiro día de aproximación á República de Paraguai a dúas familias gandeiras e as súas facendas.
Deste primeiro día de traballo destacou tamén o interese xerado nos encontros mantidos polas iniciativas lucenses que diversifican actividade, combinando iniciativas en sectores complementarios (cárnico con hostalería e restauración; gandería con establecementos de comidas), así como polas propostas máis innovadoras como as aplicacións tecnolóxicas que ofrece Innogando para control de gando. Igualmente, subliñan o interese no país por cuestións que tamén preocupan na Unión Europea como sustentabilidade ou optimización de envases, pero cunha maior atención á necesidade de evitar o exceso de burocracia á actividade empresarial.




